Desde hoxe http://www.santacombanamemoria.eu ofrece un percorrido gráfico polo pasado de Santa Comba a través de máis de 5.000 fotografías.
- Grazas á achega de máis de 400 veciños e empresas da zona.
“Santa Comba na Memoria” é unha web para o recordo e un repaso a historia do século XX do municipio xalleiro, que desde hoxe está accesible na dirección http://www.santacombanamemoria.eu.
A través de máis de 5.000 fotografías “Santa Comba na Memoria” abre unha fiestra ao pasado do concello desde o ano 1900. Tras o traballo de escaneado, e clasificado realizado por José María Suárez Mariño e o seu equipo, fun o encargado de crear a páxina web e dotar de contido aos milleiros de documentos gráficos que achegaron 400 veciños e empresas do municipio.
O resultado, unha páxina web que nace co obxectivo de manterse viva nutríndose coas achegas dos xalleiros transformouse un vello proxecto do Concello en realidade.
Os visitantes de “Santa Comba na memoria” atoparán a traxectoria do municipio ao longo do século XX clasificada por temas. A historia de Santa Comba coas lendas, os comezos da banca e o patrimonio artístico compoñen un dos principais apartados da web. A mina de Varilongo, que converteu ao concello nunha das principais zonas mineiras de Wolframio desde a II Guerra Mundial ata mediados dos anos 60 ten o seu propio espazo, así como os edificios, os vehículos, as rúas e os personaxes emblemáticos do concello ao longo do pasado século. A estes apartados súmanse outros que aglutinan as fotografías agrupadas por temas: música, educación, emigración, vida social e relixión. O contido complétase con espazos dedicados á flora, fauna e micoloxía de Santa Comba.
Tras un traballo de cinco meses a web reúne nun mesmo espazo os retallos de historia gardados en papel durante un século nos fogares de Santa Comba.