Rúas

RÚAS

 

DE 1953 A 1965 UN PERÍODO CLAVE PARA SANTA COMBA

A PRIMEIRA GRANDE ENTRADA NA MODERNIDADE

 

A vila ía entrando a pasos axigantados na modernidade, mudando o aspecto rural por un máis urbano, pero sen perder a cohesión do primeiro. Santa Comba experimenta un cambio acorde cos tempos de desenvolvemento e obtén grande importancia a nivel provincial

 

 

Pódese dicir que o ano 1.953 foi un ano clave para a modernidade de Santa Comba. Instálase o Centro de Inseminación Gandeira e créase o plan de desenvolvemento urbanístico comisionado polo concelleiro Armán Lois. Santa Comba destaca como importante núcleo de gando vacún.

 

Ata o ano 1.965 continúase coa gran modernización e amplíanse e paviméntanse as rúas de acceso á vila; arránxase a iluminación pública, apróbase o plan topográfico e constitúese o campo da feira; amáñase o camiño a Castriz e os accesos a Arantón; acométese a rede de sumidoiros e pavimentación da rúa Nova e realízanse os trámites para a compra de terreos onde se situará o “Colegio Libre”, de ensinanza mixta, entre outras instalacións.

 

Santa Comba experimenta un cambio acorde cos tempos de desenvolvemento e obtén grande importancia a nivel provincial, como demostra o feito da asistencia da corporación municipal en pleno á inauguración do ferrocarril Santiago-O Carballiño, onde se reforza a vinculación con Santiago, de feito, maniféstaselle o agradecemento ó alcalde compostelán, Angel Porto Anido, polo apoio que lle deu á mellora da estrada que une Santa Comba con Santiago. Posteriormente mándaselle un apoio para que o Papa Paulo VI visite Compostela no Ano Santo de 1.965.

 

Nun estudo realizado a comezos dos anos sesenta describíase Santa Comba con grandes vantaxes agrícolas, e destacábase o cultivo do centeo, trigo e millo, ata o punto de afirmar que cando este cultivo fallaba, Santa comba sufría unha crise moi importante. En menor medida tamén se destacan as patacas e fabas. Aumenta o vacún estabulado e o porco, e sinálase este municipio como un lugar onde o gando adquire unha importancia desmesurada, sobre todo se se compara con Mazaricos, concello limítrofe, que só o supera en ovellas. Aínda así, moitas das obras públicas son sufragadas polos veciños.

 

De tódolos xeitos, se comparamos fotografías, e salvando as distancias propias do paso dos anos e o desenvolvemento urbanístico, Santa Comba segue estruturada en base ás estradas de entón: Alfonso Molina e Miraflores, onde estaba e segue estando o campo da feira, núcleo da vida comercial e social do municipio. Nesa zona é onde se conservan o maior número de casas antigas.

A rúa Miraflores, debido ó escaso desenvolvemento urbanístico en comparación coa zona de Fontenla e entorno, aínda segue conservando en pleno centro urbano partes traseiras para o cultivo e esparcemento dos seus moradores.